A obesidade
Unha curiosa epidemia de
obesidade vaise estendendo polo mundo industrializado. Pero empezamos a coñecer
xa as raíces biolóxicas desta complexa enfermidade, o que afianza a esperanza
de poder previr os riscos que sobre a saúde produce o exceso de peso.
W.Wayt Gibbs.
Tendemos cara á obesidade?
Moita xente ignora que a obesidade abunda máis en
Samoa Occidental e noutras illas do Pacífico que no primeiro mundo. En Nauru,
puntiño minúsculo duns vinte quilómetros cadrados, que chegou a estar cuberto
de guano de aves mariñas, os seus 7500 poboadores comercian con esa valiosa
fonte de fosfatos. Da súa venda ás compañías de abonos obteñen un dos ingresos per cápita máis altos do mundo. Moitos
destes insulares abandonaron a súa dieta tradicional de hortalizas e peixe por
outra de carnes enlatadas, patacas fritidas e cervexa, que importan de
Occidente. De onde chegaron tamén as cómodas butacas. No curso dunha xeración
xa comezaron a notarse os efectos. En 1987 máis do 65% dos homes e o 70% das
mulleres de Nauru eran obesos, e un terzo da poboación padecía diabetes.
Moitos países desenvoltos ou en vías, camiñan na
mesma dirección a un paso alarmante. Pero non podemos atribuír esa tendencia só
aos cambios dietéticos operados. As enquisas –algunhas pouco fiables- mostran
que a proporción de calorías que os estadounidenses consomen en forma de graxa
descendeu desde os anos oitenta nunha porcentaxe que se corresponde co
crecemento da incidencia da obesidade. Os británicos deglutiron un 10% menos de
calorías en 1991 que en 1980, mentres que se dobrou o número de pesos pesados.
Ese paradoxo que se dá tamén noutros países podería ter que ver co consumo de
gasolina e as horas pasadas ante o televisor, que se elevan case á par que as
cifras de obesos.
Pero a explicación máis profunda ofrécenola a
bioloxía evolutiva. En 1962 James V.Neel, da Universidade de Michigan, propuxo
que a selección natural forzou aos nosos devanceiros a adquiriren “xenes
frugais”, que almacenaron a capacidade de almacenar graxa de cada festín e así
resistir á próxima fame negra. Pero coa abundancia alimentaria dispoñible de
forma estable, razoa Neel, tal adaptación converteuse nun problema. A teoría
encontra respaldo no que está ocorrendo cos poboadores de Nauru. Tamén a
avalían os indios Pima, unha tribo da que os seus proxenitores se escindiron en
dous grupos durante a Idade Media. Un grupo asentouse en Arizona meridional e o
outro buscou asento nas montañas mexicanas de Serra Madre. Nos anos setenta do
noso século, os indios de Arizona tiveron que abandonar a agricultura.
Adoptaron as dietas típicas do seu entorno, nas que 40 por cento0 das calorías
se atopan en forma de graxa. Vinte anos despois, estes indios rexistran a
incidencia máis alta de obesidade do mundo –superando en moito a dos seus
veciños de raza branca. Ao redor da metade deles presenta diabetes cando
cumpren os 35 anos.
Eric Ravussin, do norteamericano Instituto Nacional
de Diabetes e Enfermidades Renais e do Aparello Dixestivo (NIDDK), comparou aos
Pimas de Arizona cos seus parentes distantes en Maicoba, México, que aínda
viven dos produtos da explotación agraria e gandeira. Aínda que ambos grupos
comparten a maioría dos xenes, os Pimas de Maicoba pesan por termo medio uns 26
quilos menos e son tamén uns 2,5 centímetros máis baixos. Non acostuma ser
frecuente entre eles a diabetes. Os Maicoba comen a metade de graxa que os seus
parentes do norte, e pasan máis de 40 horas á semana ocupados en traballos
físicos. A persistencia dun peso menor dos Pimas mexicanos constitúe unha razón
poderosa para rexeitar a hipótese que
funda a elevada incidencia da obesidade nos Pimas estadounidenses nun defecto
xenético. Trataríase, pola contra, dunha susceptibilidade xenética (presenza de
xenes frugais de gran capacidade almacenadora) que operaría nun ambiente que
ofrece un acceso fácil a alimentos de alto contido enerxético, onde tampouco se
esixe un traballo duro.
Posto que todas as poboacións humanas parecen
compartir esta susceptibilidade xenética en grao diverso, “imos continuar vendo
un aumento da obesidade nos próximos 25 anos”; paralela á elevación do nivel de
vida, predí F.Xavier Pi-Sunyer, director do centro de investigación sobre
obesidade no Hospital St. Luke´s-Roosevelt da cidade de Nova York. E advirte: “certos
países atrasados están abocados a un risco maior. As proxeccións para o ano
2025 indican que máis do 20 por cento da poboación mexicana padecerá diabetes”.
Estudios realizados con Pimas, insulares e
emigrantes “mostran un fenómeno común a tan diferentes poboacións: a incidencia
da obesidade vén determinada en boa parte polas condicións ambientais”, sostén
Ravussin. Algúns propuxeron un cambio desas condicións gravando os alimentos de
alto contido calórico cun “imposto graxo” especial , ou elevando a tarifa do
seguro a aqueles que non acudan ao ximnasio coa debida frecuencia.
Escala de obesidade
A obesidade parece estar en alza nos países máis
industrializados, aínda que as comparacións son enganosas porque os
epidemiólogos non estableceron aínda patróns normalizados para medir este
trastorno. Acostuman fundarse no índice de masa corporal (IMC), guarismo que
garda unha boa correlación coa graxa corporal. O que non impediu que mesmo nos
estudios nos que se manexa este índice se empregue unha gama ampla de valores
do IMC, desde por debaixo de 27 a máis
de 30 para cualificar a obesidade.
A Organización Mundial da Saúde considera tres
niveis de obesidade. Os suxeitos con maior risco son os que presentan un IMC de
30 ou superior. Os médicos adoitan empregar táboas de “peso ideal” que preparan
as compañías de seguros. Os estudios sobre mortalidade, como o que acaba de
publicar a Universidade de Havard, no que se recollen os datos de seguimento de
115.195 enfermeiras durante 16 anos, demostran que as táboas estándar
infravaloran os riscos do exceso de peso, en boa medida porque non toman en
conta o feito de ser ou non fumador. Os fumadores tenden a ser delgados, aínda
que cunha má saúde. Os riscos aumentan significativamente ao alcanzarse un IMC
por debaixo de 25, límite que exceden máis da metade dos cidadáns do seu país.
Cálculo do Índice de Masa Corporal:
IMC = w/h2
w: peso en quilogramos; h: altura en metros
Investigación y Ciencia,
outubro, 1996
No hay comentarios:
Publicar un comentario